Feeds:
Artigos
Comentarios

31 euros

Unha e outra vez, incansablemente, coméntanme que o prezo da novela é excesivo. Eu xa non sei qué dicir. Primeiro porque eu non teño ningunha responsabilidade no mesmo. Segundo porque me horroriza falar de diñeiro. Terceiro porque me parece un asunto menor.

Dende que iniciei este blog afirmei que o prezo, que sempre me pareceu alto, non debía ser obstáculo para o “funcionamento” de Bovary.

Digo que me pareceu alto porque non se pode comparar con ningunha outra novela galega con volume similar: todas teñen un prezo menor e, en todo caso, ningunha pasa dos 30 euros.

Pero, entendendo aos lectores… Pero, entendendo aos libreiros (que son os que máis saben dos libros e de quen compra os libros)… digo que se a novela paga a pena debe “funcionar”.

Creo que Bovary é unha novela de lectura amorosa, transparente. Eu, coma eles, preferiría que a novela estivese polos vintesete, vinteoito, que comparativamente con outras sería o prezo natural. Pero vale 31. Non é a miña responsabilidade. Síntoo. Síntoo moito. Pero volvo dicir que o prezo non é óbice para a marcha de Bovary. Se fascina, sairá adiante. Se non é así, a culpa será exclusiva e unicamente do seu autor.

E grazas, a tantos e a tantas, por seguir este blog incluso en agosto. Abracísimos a todos.

Papeis rotos

O domingo estaremos en Verín con Bovary. O día 8 n’A Coruña. O 16 en Viveiro. Despois cómpre repousar uns días. No outono seguiremos facendo cousas con ela. Falando, comentando, aprendendo.

Os escritores aprendemos máis cos defectos que coas virtudes da nosa literatura. Gustaríame escribir unha novela perfecta, pero creo que non existen novelas perfectas. Só hai poemas perfectos e esa virtude é impropia de min: son un poeta de arte limitada. A miña poesía non aporta nada á poesía, seino. Pero son poeta e gústame sentir que os demais senten cando eu recito, leo, vibro, emoción tras emoción. Practico unha sorte de poesía sentimental. Sei, reitero, que posúe escaso valor estético. Pero, reitero tamén, son poeta.

APORTAR ALGO. Creo que se trata diso. Construír unha literatura diferente e diferenciada. Quero que as miñas novelas sexan diferentes e diferenciadas. Procuro a estrañeza. Din que non podemos escribir nada orixinal. Eu non comparto esa afirmación. Creo que si existen posibilidades de elaborar un discurso insólito. Non obstante iso non se consegue cunha soa obra senón escribindo a mesma obra moitas veces. Ata que creas que por fin conseguiches algo, por pequeno que sexa.

Teño a sensación de que despois de 8 novelas publicadas conseguín ese pequeno algo. Queda unha máis que persevera estilística e tematicamente. E outra, que tamén, pero en distancia curta. Traballo sobre elas amontonando papeis rotos. Dez novelas. Punto. É demasiado. Demasiados anos, horas, palabras, rotos e rotos e máis papeis rotos.

Yo, que tantos hombres he sido en vano, quiero ser uno y yo.

Borges.

Pregúntome se despois de Borges queda algo por intentar. Algo por escribir. El, apoiado no seu bastón, cala. Sempre cala. Mentres, eu que tanto o amo, colecciono papeis… papeis rotos. Nada máis. Hoxe, mentres traballaba cunha desas dúas novelas inéditas, pensaba que eles queren saír dos papeis que eu vomito na papeleira. Eles, os personaxes. Escribo, imprimo, subliño, retiro, ou non retiro. Pero esa é outa historia e talvez a conte noutra ocasión.

De momento, colecciono papeis.

Rotos, como esta noite descosida de estrelas.

Belisario

Teño a sensación de que algunha das historias que conto en Bovary merecerían maior trato. E digo historias. Bovary está plena de historias. Historias de amor, pero tamén historias de ”ocultistas” disfrazados con moto e chupanegra. Esa é unha das partes máis divertidas da novela, iso creo. A historia completa de Belisario de Rennes.

Rennes aparece nalgunha das novelas que lin para informarme no pasado doutros modos de escribir, funestamente antiliterarios. É patria esotérica e mistérica. Pareceume grato situar nese lugar, aínda que só sexa como apelativo, o arranque de Belisario.

Penso na vida de Belisario e non sei se rir ou chorar.

Merecía mellor e maior trato, sen dúbida. A súa libreta de notas (quero dicir o lugar onde tracei os caracteres e ideas deste personaxe) non vou tirala. Belisario de Rennes aínda segue a vivir. En min, que só fun o escritor que escribiu as palabras que el me ditaba. Gloria a ti, Belisario.

Nabokov

Ás veces escribo a golpes de despedidas. Leo novelas fascinantes e escribo palabras para dicirlles ata logo, volverei encontrarme contigo.

Estes días regresei a Lolita. Lolita. Pronuncias ese nome e veñen as mazás de caramelo, as que había nos Xardíns do Padre Feijoo de Ourense, á túa boca. Lolita. Escribirei sobre esa novela, reflexionarei outra vez sobre ela. Está tan ben escrita que un só sente envexa do vello Nabokov.

Para escribir ben hai que medirse cos grandes. Non cos que venden máis ou menos libros, senón cos grandes. Esa é tamén unha sorte de Literatura comparada.

Eu, cando titulei esta novela A vida nova de Madame Bovary, sentín demasiado peso. A responsabilidade do aprendiz que mestura nun título seu ao Dante e a Flaubert. Algúns chamáronme petulante mil veces porque cito nos meus libros aos autores que amo, sen pudor. Non imaxinan que cada vez que falo dos mestres só percibo a miña escasa estatura literaria. Sinto agradecemento. E devoción.

Despois de reler Lolita só teño ganas de abrazar a Nabokov, o mestre.

Novelas

Fala Tristán Luces. Este personaxe aparece tamén en “A rosa de Borges“. Sinto cariño por el. E sinto cariño, aínda, por Celia Maradal e os delirios vividos en medio daquela novela que xa non recordo, pero estimo. A Celia. A Tristán Luces, reaparecido noutro corpo. Estimo as cicatrices que quedan en todas as páxinas que escribín, tirei, publiquei. En todas as páxinas da vida que esperaba por ti, Hermelinda.

Segunda parte. Capítulo segundo.

 

 <A súa seu relixión era a desesperanza. Tiña miles de fieis e un exército de vixías sobriamente preparado para intervir na defensa dos seus principios, que eran tres: non desexarás, non soñarás, non lerás. Novelas. Porque as novelas son o alimento da esperanza. E a esperanza mata>.

E continúa:

<Eu son o triste que non volverá a ser triste, o ladrón dos ollos da lúa, o seu gardián. Eu son o que te amará, vida, ata o último alento na máis última das horas>.

Tristán Luces e Libardino Romero reaparecen en Bovary. Teño preguntado moitas veces se non estou escribindo todos os días da miña vida a mesma novela. E nunca sei que contestar. Talvez esta noite veña Tristán a visitarme dende o paraíso. Talvez el explique as razóns da súa volta. Escribir é sempre un acto de fe nos personaxes creados. A vida creada. A vida sen vida. Novelas.

Mar

Estivemos o pasado venres en Cangas, na Feira do Libro: encontrei Ítaca. Quédanos só a feira da Coruña, o oito de agosto. Cangas e A Coruña teñen en común o mar. Verín non ten mar. E a Dalmara tiveron que inventarllo os seus habitantes, personaxes, poboadores deste mundo ensoñado que me vai soñando a min tamén.

Penso no mar.

Sempre hai mar na miña literatura. Porque dende a fiestra, aquí, só vexo un castelo de luces e sombras. Luces, sombras: a vida do escritor. De todos. Pero hai escritores que levan o mar colgado dos seus ollos. Outros levamos o mar colgado, só, da alma. E escribímolo con melancolía.

Capítulo 14. Primeira Parte.

 

–Vostede non coñece a miña vila. Cando sopra o nordés sobre a súa costa, que é amarela, ou platina, bretemosa, conxúranse as meigas e nigromantes para adozar todos os líquidos, os herbellos, as gargantas dos animais que corretean libres entre matogueiras e campiñas. Vostede non pode comprender, dona Aurorita, que hai lugares no norte que son todos os lugares, aínda que sexan pequenos, e insignificantes, aínda que non saian nas enciclopedias do saber. Hai lugares que conquistan a alma para sempre e non a soltan, nunca.

 

Eu teño a miña alma, flotando… azul… améndoa, no mar.

Feo

Hoxe, no CULTURAS de La Voz, sae unha entrevista coa doutora Olivia Pena.

Debo (e desexo con fervor) declarar publicamente que agradezo as súas palabras, o seu traballo, o entusiasmo, o cariño, a estima profunda que sente Olivia pola miña obra.

As súas palabras non van gustar. Fala do guerracivilismo. E fala sen temor. Comenta en liberdade as súas consideracións polos meus personaxes, estilo, obra.

Olivia debera saber que non lle van perdoar nin a súa valentía nin, tampouco, a súa cercanía ás miñas novelas. Sigo a ser un branco fácil ao que disparar. Por iso dixen que me sinto o “patito feo da literatura galega”, porque recorren ao “tópico Caneiro” (prosa artificiosa, oteropedrayismo, cinismo, reaccionario, “tochos”, repeticións, lirismo…) para queimar a Caneiro e os seus libros, que arden mellor que outros. Feo porque non encaixo no arquetipo, porque quería escribir distinto para artellar unha obra distinta. Feo porque mentres uns só procuraban un lugar no Olimpo das Letras, ben remunerado evidentemente, eu só quería procurar unha obra diferenciada e acorde coa literatura en que creo.

Unha de dúas, Olivia, ou cambias de parecer (eles e elas intentarán que cambies) ou o normal é que ti sexas tamén un “patito feo” no mundo académico, e literario, de Nós. Feo, feo, feo…

Perdón

Todos os autores temos “lectores de confianza“. No meu caso son moi escasos. Un  deles comentoume hoxe que rematou ás 3,45′ h. de onte a miña Bovary.

Non cito o seu nome. Profesor universitario honesto, rigoroso, incansable perfeccionista. Lector crítico. Rara vez (cáseque nunca) reparte eloxios. Sinalou moitos defectos das miñas novelas pretéritas, consellos que eu intentei corrixir na medida das posibilidades (posibilidades propias e posibilidades ficcionais). Afirma que rara vez consegue sentirse realmente satisfeito coa lectura de libros “non clásicos“.

A “satisfacción” é un sentimento que cadaquén coloca á altura que desexa. Uns senten satisfacción polo baixo, sen esixencias; outros, non.

De Bovary vou citar os defectos que el sinalou: sobra algún diálogo, algún personaxe resulta anecdótico e prescindible, o último capítulo da primeira parte baixa o ton da novela. Todo o demais foron eloxios que, por suposto, non serei eu quen os cite. Dixo, tamén, que coñecendo este país o normal será que eses mínimos defectos, nunha novela de máis de 700 páxinas de letra pequena, para algúns constitúan motivo de imperdonable agravio literario.

Tamén me dixo que eses mesmos non perdoarán que, recén cumpridos os 45 anos, escribisen unha tese sobre a miña obra. Igual que non me perdoaron que me concedesen, baixo plica, os premios máis relevantes da narrativa galega (digo “baixo plica” porque con “título e nome ao descuberto” só concederon o da Crítica Española a “Un xogo de apócrifos”). E non perdoaron o Blanco Amor e o Eixo Atlántico o mesmo día a “Ébora”. E non perdoaron que só a miña liberdade de conciencia, e non a doutrina, condicionasen o meu pensamento literario ou político social.

Quedei pensando na palabra perdón.

Por iso quixen escribir esa voz no frontispicio deste comentario. Porque sobran dedos acusadores na nosa literatura. E sobran covardes que inxurian sen argumentos (algúns, hai anos, desfacíanse en loas). E sobran exclusivistas da patria, da lingua, da bondade (como se eles, e os seus, fosen os únicos depositarios da cultura nosa). Sobra crueldade, sevicia, inquina. Sobran máscaras.

Despois pensei en todo o que me dixo o amigo profesor, sempre incómodo coa “comodidade” literaria. Sentín plenitude: porque o que el comenta é, para min, absoluta verdade literaria.

Quedeime a soas con Bovary. E non esquecín pedirlle perdón polo último capítulo da primeira parte, por algún diálogo, por algún personaxe do que non souben nin quixen prescindir. Despois biqueina.

… E durmimos xuntos, como amantes que tras mil batallas (e mil derrotas) non deixaron de amarse. Nunca.

Olivia

A doutora Olivia Pena leu onte, vintetrés de xullo, a súa tese de doutoramento: “Aproximación á estilística a través da obra narrativa de X.C. Caneiro”.

O seu director de tese, o doutor Freixeiro Mato.

No tribunal, presidido polo doutor Basilio Losada, os doutores Sánchez Rei e Gonzalo Navaza e as doutoras Teresa Moure e Helena González.

Calquera consideración, de gratitude ou estima, que poida facer ao respecto será insuficiente. Anotar, pois, o meu agradecemento a quen se acordou da miña obra para un estudo académico de tanto rigor; aos doutores que formaron parte do tribunal; ao director da tese, en particular, e á Universidade da Coruña en xeral.

A tese recibiu a calificación de sobresaliente cum laude.

Hermelinda “Bovary”, doutora en literatura comparada, apreza o valor inmenso deste xesto. O seu inventor, escritor de Verín, debe declarar e declara que nunca a súa obra recibiu tan grande galano ou recompensa. Fico, como o soldado Basilio Losada perante o rei Abdul, ensimesmado nun reverencial e permanente recoñecemento. Obrigado, Olivia.

“Como tú”

No CULTURAS de La Voz falaron esta fin de semana os máis novos dos Nosos. Os máis novos son menos revolucionarios, é dicir, prefiren a evolución á revolución. Hai de todo. Uns escriben literatura, saben qué é a literatura e intentan escribir literatura. Outros son máis de aquí, da internet. Dos videoxogos, de televisor, de cine cine cine y más cine por favor.

Sempre me pregunto por que aqueles que están fascinados co cine, co televisor, cos novos formatos… non fan cine, televisión ou novaformatería en lugar de intentar facer literatura.

É simplemente unha pregunta.

A literatura posúe uns códigos diferentes. Unha linguaxe propia. Unhas regras que podes saltar, pero que sempre son camiños… que procuran a beleza.

A beleza non cotiza na linguaxe dos novos valores.

Cotiza o cine. Outro cine. Non o cine que eu amei. Outro cine. O guión. A planitude denotativa narradora expositiva posmoderna…

Bovary. Primeira parte. Capítulo 4.

 

<Por tal motivou liscou, fuxiu, lonxe, farta de contemplar como convivía cun individuo que no nome da arte asasinara a beleza, a Literatura, a máis alta e fiel de todas as artes, pobre, que quería parecerse ao cine, e obter o seu éxito, luces, cores, incluso comprobaba a diario como os autores escribían noveletas que non eran novelas, senón guións cinematográficos, ou algo similar, Hermelinda, triste Hermelinda, como a literatura, morando nas profundidades máis sucias, escuras, onde a tenrura non chega e onde o fracaso é unha patria…>

 

Os máis novos dos Nosos debían procurar a praia debaixo do asfalto. Pero iso ha de parecerlles prehistoria. Era o que gritaban hai corenta anos os que tiñan menos de corenta anos. 

Como tú, piedra pequeña, como tú… escribiu León Felipe.

« Anotacións máis recentes - Older Posts »