Cecais agora, en plena resaca Steiner, habería que preguntarse tamén cal é o papel REAL da literatura galega no mundo. Exportamos IBBY e relatos en torno á Guerra Civil (incluso importamos IBBY dedicando un dos edificios da Cidade da Cultura a tal mester). Carecemos de presenza, eficaz e promovida dende o Goberno, en universidades de todo o mundo. Abondan as traduccións ao galego pero o camiño inverso é escasísimo. Funcionamos (algúns funcionan) cun discurso en Madrid e outro discurso en Galicia. Somos aínda presos da militancia político/literaria de mínimo espectro, e reduccionista. Pensamos que as incorporacións lingüísticas ao noso “corpus” literario contamínannos en lugar de enriquecernos (qué pensaríamos se algún crítico español sinalase con desprezo a “contaminación” galega da excelente novela celiana “Madera de Boj”, ou do Orestes de Cunqueiro, de “La puerta de paja”, “La catedral y el niño”…). Pensamos en clave local en lugar de pensar en clave universal (haberá que repasar a Otero Pedrayo… INFLUÍDO POLA LITERATURA FRANCESA MÁIS QUE POLA GALEGA). Pasamos o día observando o noso embigo, lacerándonos, en lugar de procurar un camiño a seguir común e que conserve a riqueza das individualidades (e o talento… que hai dabondo en Galicia, digo e dixen e direi mil veces). Pensamos que o adversario, ou o inimigo, está no propia casa (e non, e non). Separamos en lugar de unir. Vingámonos, en lugar de argumentar os contrarios. Facemos da ferida un modo de vivir. E pensamos que somos o centro do mundo cando en realidade nunca quixemos ser o centro de nada, senón a periferia, o arrabaldo, o lugar de ningures que Steiner non coñece. Arredor de si, arredor de si…
E falando de Steiner, coñecen en realidade o pensamento de Steiner? É elitista, aristocrático, xerárquico. Sempre o foi. Para el o acceso á alta cultura non é un dereito universal e poden acceder a ela determinadas elites. Para el a democratización da educación é un agravio… estas cousas leva anos repetíndoas. Eu leo a Steiner, aprendo de Steiner… e detesto moitos dos pensamentos de Steiner. Pero se alguén considera que un galego dunha aldea de Verín, fillo de labrego, ten as mesmas oportunidades de chegar á “alta cultura” que un fillo de notario de Barcelona está ben confundido.
“Gramáticas da creación”, “Errata”, “No castelo de Barbazul”, “Despois de Babel”… son afirmacións dese elitismo. O seu último libro, en Siruela, “Los libros que nunca he escrito” é un chanzo máis no seu camiño. Steiner non cre na democratización cultural (nin tampouco política). Steiner detesta a educación obrigatoria. E con argumentos, discutibles na miña opinión, vai trenzando o seu pensamento, reitero, ELITISTA. Dende o seu elitismo opina o que todos sabemos e calamos: Cataluña existe, LITERARIAMENTE no mundo, e Galicia non existe. E esa é a realidade. Se eu fose quen gobernase na administración cultural galega sentiríame mal. Pero como son simplemente un escritor que só pode escribir libros síntome, créanme, moito peor. Porque aquí sobra talento. Permítanme dicilo unha vez máis. Pero nunca, ninguén (dende un pensamento “común” e que vele sen concesións polos intereses de Galicia e non polos intereses do partido ou facción) foi quen de defender a nosa posición no mundo. E agora, xa saben, sigamos tirando as pedras á cabeza de NÓS.
Para finalizar, e por se alguén non o soubese, a entrevista a Steiner foi publicada polo diario EL PAÍS sen que o entrevistador comentase da nosa lírica medieval, Rosalía, Cunqueiro, Dieste… pregúntome se o entrevistador calaría tamén se Steiner falase da non existencia de literatos canarios. País. El.
Desculpen as parénteses varias deste comentario. Pero ás veces sinto que Galicia é, tamén, unha interminable paréntese (oracións con sentido independente; cada unha polo seu lado; cada unha siginificando distinto: un paso adiante e outro atrás… Nós).
O de o embigo o di por vostede non?
Porque o pouco exportable que deu galicia (non Galiza, se entre os galegos non nos entendemos linguisticamente e andamos a cambiar as normas cada 400 dias non esixir nada) vai e o enterra co dedo pulgar: rivas, suso de toro… por exemplo. O que haberia que facer no enterralos, senón lograr que sexan máis todavía: Jaureguízar, alfredo conde, rivero coello, … ou por exemplo, caneiro… tamén chus pato, torneiro, g. Tosar,…
Hai que xuntar non desunir… ¿Se imos contra do noso como pretender que os lectores se unan á causa?
O que eu creo con respecto a Cataluña é que eles consideran a súa cultura unha afirmación, máis aínda, considérana unha aposta máis, de igual a igual, con respecto ao castelán-español ou o ingles, ou o francés.
Aquí andamos a comernos a cabeza se temos que poñer “comer o doce” ou “come-lo doce” porque aquí, claro, somos moi…. CULTURAIS, somos moi listos, moi intelixentes, mentres que en Cataluña fan cartos coa súa cultura e ainda por riba a queren por riba de todo.
Todos somos culpales, e non hai que botar as culpas tanto ao estado español nin a Steiner das nosas propias miserias, que ata vendemos vieiras en mal estado aos nosos veciños de toda a vida e logo vamos por ahí dicindo que somos os mellores cociñeiros do mundo….
Puag!
Saiba que estou de acordo en todo o que vostede escribiu, señor de Ébora, pero moito me temo que non será entendido de igual modo por todo o mundo cultural galego. Felicidades pola súa valentía. Oxalá nos vaiamos librando das parénteses. Unha apreta.
Grazas unha vez máis, Mateo.
Estimado lector:
Certo, no premio Torrente Ballester estaba Rivas no xuri. Non me amarga en absoluto a súa aseveración. A miña relación con Rivas sempre foi cordial, educada… e distante. Ultimamente enfriouse un pouco máis por mor de certos comentarios que partiron sempre del, non de min. Eu non son quen de calar, e non calei, a pesar da relación, cordial… e distante que sempre mantivemos.
Polo demais, concordo nas súas consideracións e o meu post corre nese sentido: na nosa proxección exterior debemos ir todos xuntos, tirar todos xuntos cara adiante, defendérmonos e proxectármonos no panorama da literatura mundial. Non hai outro modo de camiñar. Incrementar o debate cultural interno non é malo. As diferenzas non son malas. O único perverso é a descalificación gratuíta, a calumnia, a inxuria e o menosprezo. Eu, reitero, non son quen de calar.
Igual que Mateo, admiro a súa valentía, señor Caneiro. Como colega seu, como lector e como galego. Moitas grazas pola súa ousadía. Saiba que non está ben visto dicir o que cada un pensa. Parece mentira.
Grazas ao autor do comentario número 6. Outra cousa: veño de ler a crítica de A NOSA TERRA asinada por X.M. Eyré. Só se me ocorre unha exclamación, doída e triste.
Amigo Caneiro, xa sei que é difícil non sentirse “doído e triste”, pero procura non facer caso das críticas feitas con intención de mancar. Ou relativizalas. Non paga a pena. Co que custa botar os regos das leiras que compoñen unha novela (cinco anos), para que logo veña un crítico, con tearañas nos ollos ou co ferro da pureza ideolóxica que non admite “traidores” á causa, a derramarche a colleita. Que fácil é acusar de “traición” aos demais, aos outros, aos que non van no mesmo carro. De berrar “PP, PSOÉ, a mesma merda é” a entenderse agora co PSOÉ (acentuado na E) e mañá, quen sabe, co PP. Esa é a pureza ideolóxica. Pero iso non se ve. A “traición” vese na estratexia narrativa do Caneiro. Non, non estou a inventar nada. No fondo de todo da terceira tirita da crítica do Eyré en ANT pódese ler: “Aínda que a estratexia narrativa de Caneiro resulta traizoeira. Quere escribir unha novela divertida, e bota man desa prosa súa de ritmos medidos…” Poden seguir lendo vostedes, que a min chégame con “traizoeira”. Eu non son crítico literario e non sei se “traizoeira” é o termo mais acaído a estratexia narrativa. Eu polo menos é a primeira vez que o leo nunha crítica literaria. Ou “estratexia narrativa traizoeira” é un conceito empregado pola crítica literaria de última xeración (á que eu xa non chego), ou o crítico tiña moitas ganas de escreber “traizoeira” e buscou a estratexia narrativa mais axeitada para introducila. El saberá. Isto faime lembrar aquela crítica esnaquizadora dun libro de Rafael Chirbes e a crítica non menos esnaquizadora doutro escritor contra o crítico. Dous, tres ou cinco folios para esnaquizar o traballo de dous, tres ou cinco anos. Un folio por ano. Digo, Rafael Chirbes, autor non galego, de acordo, xa sei que se me pode acusar de “ausencia de referentes galegos”, de acordo, digo: Un escritor mais importante do que parece, do que din algúns, do lugar que ocupa na pasarela canónica confeccionada polos críticos que teñen unha especial perspicacia para detectar “traicións” nos demais pero non nos seus. Claro que si. Así se escrebe a historia da literatura. Ou como cuando di: “A VIDA NOVA DE MADAME BOVARY representa unha aposta temática continuista, formalmente tamén.” E que? Hai algún mal niso? Non nego que haxa un certo continuismo, pero tamén observo, ademais dunha vontade globalizadora (espero que non se entenda mal esta palabra), un estiramento do campo narrativo do autor, un querer ir alén das fronteiras que cercan o seu mundo novelesco, un querer rebordar o espazo no que se moven os seus personaxes. En fin, amigo Caneiro, remítote ás palabras do crítico J. Ernesto Ayala-Dip de hoxe dedicadas a Isaac Montero: “Foi un escritor desenganado co seu entorno. Pero nunca coa ficción.” Ou con estas outras do mesmo crítico no mesmo artigo: “Os desenganados coa historia, coa do mundo e a do seu país, acostuman exercer o sarcasmo como dispositivo de desnudamento moral.” Desnudamendo non me soa a galego auténtico, xa estamos, cometín o pior dos crimes, xa vexo o crítico perseguíndome por “traidor”. Non facer caso do crítico e si da ficción, talvez unha boa receita. E sempre o humor, a ironía, o sacarmos. Apertas.
Lembra vostede, señor Caneiro, algunha entrevista con Manuel Rivas en La Voz de Galicia nos últimos, digamos, dez anos?
Grazas polas súas palabras, señor Bolaño. Falaremos algún día de traizóns e traizoados, certo.
Sobre o interrogante formulado, lembro perfectamente que as noticias relacionadas co señor Rivas aparecen de modo puntual en La Voz, igual que aparecen noticias sobre os demais autores e sistema literario galego, do que Rivas forma parte. Lembro tamén que foi La Voz quen propagou e impulsou no noso país, e antes que ninguén, a figura de Rivas, publicando as súas columnas e outorgándolle incluso o galardón periodístico da casa, o premio Fernández Latorre. Constato que La Voz trata a diario e con fervorosa defensa a nosa cultura, en particular, e a cultura en xeral, editando tamén un suplemento cultural cada sábado que recibe constantes parabéns do mundo cultural internacional, hispano e galego. Teño dito, e reitero unha vez máis, que La Voz de Galicia ofrece un periodismo de altura, comprometido con Galicia, paradigma da credibilidade e do rigor profesional, e digno de todos os meus eloxios e admiración; eloxios e admiración que estendo a todos os homes e mulleres que cada día fan posible este diario.
Polo demais, non acostumo falar da situación doutros autores, porque non a sigo de modo exhaustivo. Si lle podo dicir que dende o ano 92, ano en que ganei o Xerais, A Nosa Terra entrevistoume unha soa vez (con ocasión da publicación de Bovary), que o diario El País non dedicou nin unha soa liña (NIN UNHA SOA LIÑA) á publicación de catro libros meus en español na editorial do grupo Planeta ESPASA CALPE e que só me realizaron unha entrevista tamén coa ocasión de Bovary, quizais interesados pola miña polémica con Rivas máis que pola miña propia obra (tampouco publicaron unha carta miña relacionada con outra anterior do señor Rivas). Non sinalo outras situacións de diarios provinciais, que por esperpénticas non relato, no tratamento da miña obra e persoa. A situación vivida por min, e por outros autores galegos, como ve, non xerou ningún interrogante.
E, por último, onte un bo amigo aconselloume con sabedoría o que debo facer no futuro: “abstraerme de min mesmo e gozar doutros insólitos e felices exercicios”. Farei caso ao amigo e, en poucos días, abandonarei este blog. Un saúdo.
Volve, señor Caneiro, coa cousa do abandono. Eu creo que a perseverancia é unha virtude.
Señor Caneiro: Agora que o final deste blog, unha das mellores cousas que sen dúbida nos aconteceu a moitos ao longo dos últimos meses, se nos vai apresentando como unha realidade cada vez máis próxima, quero aproveitar para lle reiterar máis unha vez a admiración que me produce a súa obra. E como a coñezo ben, podo dicirlle, e don Ramón concordaría comigo, que a procura da esencia propia por medio da universalidade é un dos seus maiores logros literarios; quero dicir: con esa vontade estética súa tan marcada, con esa pretensa fuxida de localismos e de tópicos que, moitas veces, por desgraza, empobrecen a nosa literatura (a literatura de Nós, como gosta de dicir vostede), e coa creación dun mundo literario tan absolutamente persoal e característico de vostede como autor (igual que o foron os mundos literarios dos nosos grandes: Otero, Blanco Amor, Cunqueiro), a súa obra narrativa converterase, mal que lles pese a moitos, a moitas, nun referente fundamental da literatura galega, na medida en que se nos apresenta como unha voz senlleira, e libre; neste panorama literario actual saturado de publicacións na nosa lingua, distínguese vostede da inmensa maioría pola orixinalidade do seu discurso, non só canto ao estilo, mais tamén canto ao contido. Os seus lectópatas agradecémoslle cada palabra, a procura constante da beleza e da música, a poesía que destilan as súas narracións; agradecémoslle, tamén, que fuxa de tendencias “undergrounds”, urbanísticas ou memorialistas tan de moda, e que nos permita entrar, aínda que só sexa durante o tempo que dura cada novela, nun mundo diferente: Dalmara; igualmente, toda a intertextualidade, que non entorpece, mais que aviva a nosa atención, que nos leva a outras lecturas, pensamentos, mundos, do mesmo xeito que gostamos dos deslocamentos temporais e do monólogo interior, aínda que non haxa acción, porque nos permite chegar á alma das personaxes que nos fascinan.
E pense que os críticos literarios só son lectores, filólogos, no mellor dos casos. Non son deuses, aínda que o crean, nin se achan en posesión da verdade absoluta, aínda que tamén o crean. As súas palabras non son, á fin de contas, máis que opinións, como as nosas.
Por último, deséxolle moita sorte para Bovary. Como Ítaca, penso que ela sempre estivo preparada para andar soa. Sóbralle forza. Espero que tamén a vostede lle reste algunha para seguir escribindo para nós, os lectópatas.
Unha aperta e até sempre.
Kiranah, despois do teu comentario, pouco nos queda por dicer aos demais. Eu polo menos felicítote polo ben escrito que está e polo ben que expresa e resume o que eu sinto pola obra literaria de Caneiro. Mellor, imposíbel. E ao Señor Caneiro deséxolle o mesmiño que lle desexas ti: moita sorte para Bovary e para o resto da sua obra, escrita ou por escreber. As forzas para seguir engrandecendo ficcionalmente Dalmara ben seguro que non lle faltarán porque é un autor que vive con paixón a literatura, e iso non ten remedio. Apertas.
¡Genial, Kiranah! Me uno a la felicitación y suscribo, con mucho gusto, todo el comentario de R. Bolaño.
Decirte también, Xosé Carlos, que después de leer diariamente este blog -con todos sus comentarios: favorables, cariñosos, abyectos, críticos… (donde se percibe lo que hay detrás de ellos)- sólo desearía que A vida nova de Madame Bovary no deje de encontrar los lectores que se merece: aquellos que son capaces de dejarse llevar sólo por el texto, libres de prejuicios, para penetrar en un espacio donde la sensibilidad de cada mirada no debe quedar cegada por sombras que nada tienen que ver con la literatura. Porque, si esto sucede, entonces tu Bovary nada les dirá. Y la criticarán sin saber que es su mirada la que adolece, la que no tiene luz.
Ha sido un placer leerte. Xa para sempre. “Abracísimos”.
Ítaca, Bolaño, Mateo… foi un pracer inmenso coñecervos, compartir con vós as miñas impresións sobre as obras do señor Caneiro, sobre Bovary especialmente. Non participei no blog tanto coma vós, mais seguín case a diario o seu desenvolvemento; nos vosos comentarios acheime tan ben reflectida que en ocasións non considerei necesario participar, porque facía miñas as vosas palabras e non podería engadir nada novo. Iso, para min, non ten prezo. Porque creo que entendedes a Literatura como eu a entendo, fico obrigada con vós para sempre. Mil bicos.
Un saúdo e moitas grazas a ti tamén e a todos os demais, Kiranah. Espero que non nos lapiden por defender a obra do señor de Ébora Caneiro. Digan o que digan A vida nova de Madame Bovary é unha fantástica e extraordinaria novela. Das máis grandes da nosa historia literaria. Co tempo ha de recibir o recoñecemento que sen dúbida merece.
Non me enterei de prácticamente nada pero deixo o comentario porque polo menos me parei a lelo e a intentar entendelo.
Un saúdo
Señor 18, se ao que se refere é ao Paréntese do Caneiro, non se desanime e inténteo de novo, que non hai que terlle medo nen darse por vencido ante o que non se entende á primeira. Non esqueza aquilo do filósofo: “Chégase á excelencia polo camiño da dificuldade.” Eu farei o mesmo con BAIXO O VULCÁN, que o acabo de comprar agora mesmo por 3€. Tal como llo conto. Fun a un quiosco-libraría a comprar uns bolis bic, sinxelos, clásicos, daqueles dos de sempre, e vin que tiñan por alí o libro de Malcolm Lowry. Pergunteille cuanto custaba e por 3€ leveino. Confeso aquí, públicamente, e espero que non me supoña a excomunión, que BAIXO O VULCÁN é un dos libros que non dera acabado cuando o lera, non sei se porque o lera en mal momento ou porque me custara. Así que xa sabe, Señor 18, vostede co artigo do Caneiro e eu co libnro de Lowry, a ver se desta vez logramos acabalos e entendelos para chegarmos ao éxtase da “excelencia”.
P. D. Señor de Ébora, como lle chama o Mateo, que foi de vostede? Baixo que vulcán anda vostede agachado ou entrañado?
Saúdos para tod@s.
http://www.vieiros.com/opinions/opinion/533/a-proposito-de-steiner
Pido perdón anticipado pola alusión, señor de Ébora.
Unha aperta.
O señor Caneiro escribiu un artigo alucinante en LVG sobre amores, desamores e mares de alcohol.
Grazas por escribir nas cousas que realmente importan, señor Caneiro.-
Non lle dean máis voltas á torniqueta. O artigo de Eyré está mal escrito. Non se entende moi ben o que quere dicir, e aínda por riba está cheo de incorreccións ortográficas e gramaticais. Criticar o uso de castelanismos na novela é de traca maraca, pois aínda non se deu conta de que están empregados como na fala (ou na escrita, tamán a dos blogs) como elemento humorístico, irónico, afectivo, etc. Isto tamén o debería saber a señorita lingüísta (?!).
Rivas e de Toro estiveron moitos anos vetados na ‘Voz de Galicia’. Razón: Bieitos Rubidos, etc.
Todos estes malos “rollos” e puñaladas trapeiras danse porque na cultura/literatura galega é coma unha rúa estreita: hai pouco paseo e moito paseante.
En Galicia, pesan tamén moito os (pre)xuízos ideolóxicos cando se xulga a obra dun autor, e isto dío un nacionalista galego convencido. Ou pertences en corpo e alma á Tribo (con maiúscula), ou non te toleran (e non te len).