Nas miñas novelas non aparecen a miúdo personaxes reais/históricos, só en escasas ocasión. E nunca, ou iso creo, ningún deles tivo tanto protagonismo como Pablo Neruda en Bovary.
Quería, fundamentalmente, que o asunto soase verosímil. O amor entre o poeta e a Madame non podía resulta impostado. Din algúns lectores que o episodio cos “nacionales” no salón do Gatopardo é intenso, divertido. É, tamén, irónico. A ironía é un modo de humorismo que nos distancia do humor espeso.
Neruda ocupa un lugar moi importante na miña vida e imaxino que ocupa ese lugar na vida de moitos escritores. A min tráeme adolescencias e cigarros compartidos, soños, confieso que he vivido e Residencia en la tierra. Espero que non estea molesto por situalo entre dous amores na miña Bovary. Espero que el, que case todo o perdoou, saiba perdoar tamén a este diletante.
Señor de Ébora, ando a ler ferradura en tránsito, o interesante blog de Eyré, o crítico de literatura de a nosa terra. Está a falar da súa novela. Era por se non o sabía. De momento ten dito pouco. Imaxino que dicindo o que din da defensa que fixo de vostede no pasado o señor Eyré andará con moito coidado porque sabe que o mirarán con mil ollos, a maioría deles acusadores.
Estou moi agradecido a Eyré por todo o que ten expresado sobre a miña literatura e agradecido, tamén, por poñer a súa atención na miña novela. O seu criterio, non o dubide, ha de ser sempre independente e sincero; non creo que a Eyré lle importe o que digan ou deixen de dicir en torno ás súas opinións sobre a miña obra. El ha de escribir o que pense e eu, como fago con todos os críticos, respectarei e estimarei o seu criterio. Xa dixen máis dunha vez que os escritores estamos para aprender dos nosos erros e defectos. Ninguén mellor que os críticos son quen de poñelos en evidencia. Un saúdo, Mateo.