De novo en Verín. Onte, na Coruña, grande satisfacción. Moitos lectores, público. Quixen facer algo divertido. A xente riu. Emocionouse, tamén (iso creo). Estaba a Saleta e eu sentín que o Manuel andaba por alí. O día anterior falei con Miguel Anxo Fernán-Vello, con quen tantos libros (e afecto) me unen. Freixanes con ese aire de “despistado” que arrastra baixo as plumas brancas do seu branquísimo cabelo. E Xosé Ballesteros, de Kalandraka, de quen teño a memoria e a estima certa. A industria editorial galega está plena de xentes ilusionadas, profesionais e, sobre todo, persoas de corazón limpo e xeneroso.
Xulio, de Galaxia, díxome que estaba todo o asunto corteinglés arranxado. Na casa, a editorial, están todos contentos coa marcha da novela. Eu estou moi agradecido aos lectores, gustaríame que ningún quedase decepcionado despois de ler Bovary.
Talvez lle sobren cen páxinas. Talvez máis. Non o sei. É tan difícil para un escritor saber cal é a medida xusta. É tan difícil quitarlle voz a quen pensas que ten voz aínda.
Lectores, libreiros, editores, Galaxia… todos nesta madrugada veñen aos meus ollos, ou á boca do meu ventre. E só quero abrazalos.
Hoxe anda vostede emocionado, señor de Ébora. Pero xa sabe que cando hai moita emoción hai que saber limala. Vostede sei que me entende.
Mateo, anda vostede por aí? Pero se en agosto temos que deixar estas cousas, créame. En setembro volveremos con ánimos renovados para comentar da novela. Unha apreta.