Mañá bailamos con Bovary na Coruña, ás 20 h. A novela vai ben. Os lectores andan con ela e un séntese moi satisfeito. Hai cousas que me doen. Por exemplo, non entendo por que a novela non está no Corte Inglés da Coruña, como dicía unha lectora neste blog e como eu mesmo comprobei esta semana.
É un olvido doloroso, certamente.
Pero iso, igual que o prezo, tampouco debe impedir o correr da novela. Eu lembro a miña historia. Cando había un libro que me fascinaba, que quería ter comigo, procuraba a súa pista por todas partes. Facíao hai trinta anos. Agora tamén o fago.
Cando un libro paga a pena os lectores andan tras el. Non importa o prezo, a aparencia pública do mesmo. Se vale, corre.
Esta tarde, batendo o vento mareiro nas areas do Orzán, penso en todos os libros que amei e amo. Gustaríame que Bovary tivese lectores que a amasen. A ela, tan linda… como eu amei.