Bovary en Vigo estivo arroupada. Ou sexa, que non pasou frío. A miña casa, sempre xenerosa, acudiu en plana completa á praza de Compostela. Galaxia foi (É) a casa de Nós.
Víctor Freixanes insiste dende hai anos en que debo cantar: boleros, e así. Moitos eloxios sobre Bovary, que en Víctor non son palabras frecuentes. ”Ámote” non lle gustou demasiado. De Bovary di que ten moito peso literario. E di máis cousas, venturosas todas. Pero debo calar: sinto rubor. Anoto tamén o ”problema” que lle ve a novela: ten demasiada poesía.
Coñecéndome Freixanes como me coñece sabe, perfectamente, que son incapaz de escribir sen poesía. Non entendo a literatura sen ela.
Estaban moitos colegas. A elas e a eles, camaradas, o meu abrazo e agradecemento. SOMOS O QUE SOÑAMOS.
E aos que non son nin colegas das Letras nin amigos de Galaxia, sempre imprescindibles, quero enviarlles dende o blog de Bovary os bicos que ela lles ofrece.
Grazas.
Para cando a Bovary en A Coruña?
Bovary irá á Coruña, por primeira vez, na feira do libro. E digo por primeira vez porque no outono seguiremos danzando con ela de porto en porto, de bar en bar. Onte contei en Vigo que levo seis meses retirado dos bares. O médico (co seu silencio), tras a última analítica, apunta que xa vai sendo hora de volver. Todos temos un bar. Podo concibir un ser humano, incluso, sen libros. Pero non son capaz de imaxinar un home, unha muller, sen un bar amarrado á fibra do seu corazón.
[...] Levo lidos 12 capítulos dos 14 da primeira parte, cada parte ten 14 capítulos, da nova novela de Caneiro. [...]