Sábado. Iníciase o tempo de verán. Cos soños de Shakespeare e as bicicletas de Chávarri e Fernán Gómez. Co sol iluminando todos os ocasos. Con mar, auga, melancolía de tantas infancias con sabor a río…
Este é o blog dunha novela. Pero hoxe abro unha paréntese sobre ela.
Acabo de ler a magnífica entrevista de Ramón Loureiro a Ramiro Fonte no Culturas de La Voz.
Non coñezo a Ramiro. Despois de tantos anos rodando mundo adiante, entre libros, non tiven a fortuna de saudalo persoalmente. Coñezo a súa obra. Dela teño falado a miúdo e son confeso admirador da súa novela “Os leopardos da lúa”, texto que pasou desapercibido neste país que acostuma a procurar a gran novela cando temos, gloria á lingua e ao talento de Nós, moitas “grandes novelas” depositadas nos andeis do olvido.
Di Ramón Loureiro que Ramiro está recuperándose dunha “grave enfermidade” en Barcelona.
Eu só quería enviarlle unha apreta.
E outra.
E outra máis.
Como internet chega a todas partes espero que esta apreta chegue a Barcelona. Hoxe, que empeza o verán, desexo que o sol acariñe a pel dun dos Nosos. A túa, Ramiro.
Cales son, ao seu xuízo, esas “grandes novelas” depositadas nos andeis do olivod?
Sería interesante revindicar o perdido
Moitas de Otero Pedrayo, verbigracia, con “O señorito da Reboraina” á cabeza. “O rei dos ameneiros” de Antonio Rodríguez Baixeras. “Dos anxos e dos mortos” e “Loaira” de Rey Ballesteros. “O enxoval da noiva” de Freixanes. “Morte de rei” de Darío Xohán Cabana… por citar as primeiras que me veñen este sábado de sol á cabeza. E ten vostede razón… É INTERESANTE REIVINDICAR O PERDIDO. Grazas polo seu comentario.
Meu querido e admirado amigo: Comporto o seu afecto pola literatura de Ramiro e as súas observacións sobre as novelas tristemente esquecidas.
Parabéns polo seu blog.
Almiral Mouchez
P.D. Martínez Bouzas é un gran crítico, efectivamente.
Por certo, que é iso que sae no post de…
aí estou sentada?
Apertas a todos.
Almiral Mouchez