Hai personaxes que non consigo perfilar con distancia. Velaquí un dos defectos de Bovary. Personaxes polos que sinto un afecto fraternal. Outros que son unha voz que se escapa da miña voz. O autor está demasiado presente.
O novelista perfecto debe perseverar na distancia. Haberá que seguir aprendendo. Lendo libros onde a instancia narradora levante un muro infranqueable á instancia autorial.
Un defecto, un terrible defecto.
Ignoro se eu son Bovary. Unha novela non pode ser nunca unha exhibición impúdica de gustos, de teorías.
A miña Bovary é unha teoría literaria (TODAS AS NOVELAS SON A POÉTICA DO PROPIO AUTOR). A que eu profeso. Non totalizo, nin dogmatizo. Entendo que a miña literatura poida gustar ou non gustar. A voz distinta. A voz estraña. Iso que algúns denominan UNIVERSO CANEIRO… e non vou renunciar a el.
Fáltame distancia (A Kafka, Valle Inclán, Bernhard, Lezama… tamén lles faltaba distancia???)
Prometo mellorar.
Xa me decatara ao considerar ás voces dos personaxes de Caneiro/escritor como unha mente grupal; unha colectividade que converxe no Caneiro/persoa.
P.D: Vou na páxina 104 “Sentaron en dúas cadeiras de brazos. Hemelinda nunha butaca azul cobalto…”
non peca vostede de modestia, sr. Caneiro, iso está claro. Tamén o está que roza o ridículo (sen que iso resulte necesariamente un defecto)
A Pastor Páez: grazas polo seu comentario. Espero que chegue con entusiasmo á última páxina da novela. Hoxe, Xosé Manuel Salgado (o guitarrista que dende hai anos me acompaña) díxome algo moi fermoso: quédanlle vinte páxinas da novela e non quere rematala.
Os anónimos féridos teño por costume non comentalos, nin publicalos… porque os anónimos, como este que aparece na páxina, non fundamentan ningunha das súas opinións. Pero este non me pareceu o suficientemente soez para que non o puideran contemplar as persoas que a diario contemplan este blog.
Ridículo, por que? Peco de inmodestia, por que? Está supoñendo o torpe correspondente que eu estou afirmando algo que non afirmo. Acostuma suceder neste país. Repítese unha mentira varias veces e acaba por ser verdade. É unha historia vella que bebe nos totalitarismos máis abxectos. O torpe anónimo é similar aos demais torpes, por non dicir mentecatos, que levan anos repetindo o mesmo cantar: Caneiro inmodesto, Caneiro soberbio, Caneiro presuntuoso. É un problema non entender o que se le: iso resulta propio do analfabetismo funcional.
Caneiro afirma que a el fáltalle distancia nesta novela. Despois Caneiro pregúntase se a Lezama, e a Kafka e a Valle non lles faltaba distancia. Pero Caneiro non di que el escribe como Kafka ou Lezama ou Valle. Iso é o que colixe interesadamente o torpe mentecato que anonimamente, covarde, escribe nesta páxina. Esa é a mentira que o mentecato, como tantas veces, quere converter en verdade. Se o mentecato fose un ser intelixente discutiría comigo da “distancia” na obra de Kafka ou Bernhard ou Lezama, pero prefire o agravio da invectiva.
Créanme, a estas alturas do partido, estou canso dos mentecatos. De tantos que durante anos, sexa en blogs ou conciliábulos varios, fan do insulto sobre a miña persoa un modo de autoafirmación. A min interésame a literatura, non “colocarme” no sistema literario. Eu son escritor. Falemos argumentadamente da miña literatura (de “A vida nova de Madame Bovary”, concretamente): con tal intención navega este blog. O demais queda para outros lugares. Hai necios que viven diso. Eu, non.
NOTA: o que parecen insultos (mentecato, necio, torpe) son definicións… como queda demostrado logo da argumentación exposta.
Tremebunda invectiva, evidentemente
Por certo, que violencia a súa…