Espero
Xuño 2, 2008 by caneiro
Esta novela naceu do corazón, pero eu non sei se é ese o lugar onde deben nacer as novelas. Empecei a escribila hai cinco anos. Remateina no outono de 2007.
Imaxino que isto é o primeiro que debía afirmar para inaugurar este blog. Dixéronme que un blog era un diario. Despois dixéronme que debía escribir da miña Bovary. Debo sinalar que eu nunca pensei que puidera estar deste lado: escribindo un blog/diario sobre a miña novela. As novas tecnoloxías mais eu temos moitas contas pendentes. Un mp3 paréceme unha ecuación irresoluble. Pero son os tempos. Hai algúns días, lendo o manifesto do “Correlingua”, decateime que eu era un home con cronolóxico retraso. Os nenos escoitaban Playstation, Proevolution soccer… e sentíanse no seu mundo. Eu vivín á marxe dos bits: inmerso nun mundo de papel con lapis que anota nas páxinas, de papel con palabras vivas, de papel entre catro paredes. Casares sempre estaba á última en tecnoloxía. E Alcalá, tamén. Eu, reitero, son un tipo que sempre chega tarde. Escribo en ordenador porque vou máis rápido, pero sempre fun de anotar ideas en libretas. Teño centos. Varias ducias de Madame Bovary. Podería trasladar aquí as anotacións desas libretas. Pero esa non é a finalidade do blog de Madame Bovary. En realidade a finalidade é única: saber. Coñecer. Mirar as túas palabras sobre as miñas. Mirar, coñecer, saber… qué pensa o lector.
Un sempre escribe a escuras. Ignorando que hai homes e mulleres do outro lado. Esa é a traxedia do escritor: a soidade. Escribimos a cegas. Sen oír. Sen recibir, agás en contadas ocasións, noticias da xente que máis importa na literatura: os lectores e lectoras.
Esa é a razón.
Non hai outra.
Madame Bovary son eu… pero gustaríame que tamén fose un lector, unha lectora.
Escribo as primeiras liñas deste blog e tremo. Esperando. Por ti.
Publicado en Sen categoría | 11 Comentarios
Deixa un comentario
Moitas felicidades pola túa nova creación. Creo que todo recoñecemento se queda pequeno. Noraboa amigo.
Noraboa por esta nova achega á LITERATURA. Xa agarda impaciente nun dos andeis que hai nunha beira da miña cama. A súa lectura vai despóis de La Soledad de las Vocales, de José María Pérez Álvarez, e de Señas de Identidad de Juan Goytisolo.
Apertas
Nestes días cando comeza un xuño máis, e coa recente publicación desta novela de Xosé Carlos Caneiro “A nova vida de Madame Bovary” volvín a Flaubert e á súa maxistral “Madame Bovary”, novela controvertida publicada no 1857 á que algúns entendidos colgan a etiqueta de “Precursora do realismo”. A obra, que viviu ignota uns seis anos dende á súa concepción á súa difusión pública, causou a polémica en Francia por atentar contra a suposta moral que na época se supuña que tiña que primar na humanidade por riba de outras morais.
Hoxe, suposto ano 2008 da suposta era moderna, a relectura levoume a un psiquiatra escritor chamado Carlos Castilla del Pino e a unha cita que percute unha marimba case máxica no interior da miña cabeza de personaxe literario da realidade: «Os personaxes novelescos constitúen o mellor vehículo para coñecer ás persoas; eles se abren moito máis intensamente que calquera individuo que tratamos a diario.» e ocorre este feito porque vexo todos os días e a todas horas Madames Bovarys ao meu redor. Non, non pensen que len as liñas dun esquizoide. Explícome: Madame Bovary presenta constantemente un estado de perenne insatisfacción. Supón esa clase de persoas que non se conforman con nada, ou que se frustran constantemente ante calquera movemento do sino. Forma parte dese grupo de persoas que lles parece mal que fagas e tamén lles parece mal que non fagas; que deixes a porta aberta porque entra o frío e que a deixes pechada porque vai facer moita calor. Pero teñamos en conta que Madame Bovary ten ao seu favor o romanticismo ensoñador literario proporcionado polos centos de libros que leu, cousa que, lamentablemente, non lles ocorre aos Bovarys do século XXI, que senten fastío porque senten fastío, porque se lles deu todo, porque non teñen ilusión por nada ou porque foron criados nun inesgotable pozo de frustración. Pensémolo. Miremos en derredor a ver cantos Bovarys poderíamos contabilizar.
Fixémonos até que punto é importante o tándem formado por Gustave Flaubert e por Carlos Castilla del pino (tamén vai no tandem X.C. Caneiro) que o bovarismo forma parte dos dicionarios de psicoloxía ao estar catalogado como unha certa doenza mental. Na wikipedia de internet podemos ler o seguinte:
Enténdese por bovarismo o estado de insatisfacción crónica dunha persoa, producido polo contraste entre as súas ilusións e aspiracións (a miúdo desproporcionadas respecto das súas propias posibilidades) e a realidade, que adoita frustralas. O termo procede da novela Madame Bovary de Gustave Flaubert, en concreto da figura da súa protagonista, Emma Bovary, que se converteu no prototipo da insatisfacción conxugal. Aínda que o termo bovarismo non está recollido no Dicionario da Real Academia Española ten un uso relativamente frecuente e figura en dicionarios de Psicoloxía.
Frustrémonos con motivo, perdamos o apelido Bovary na sociedade de Bovaríes, PERO CONSERVEMOS A ESENCIA LITERARIA ROMÁNTICA. Ou non? Fainos falta cohabitar con Bovarys?
Asinado:
Un personaxe literario
do plano da realidade
http://www.mundourense.com/elfotomaton
Benvido ao blogomillo. Dunha lectora que aínda ten pendente “A vida nova de Madame Bovary”
A única desvantaxe da web a respecto dos libros é que os blogues non arden :p
Los blogs te arden muy mal, corazón.
Inaugurei este blog para falar dunha novela e, por extensión, das relacións que se poidan establecer entre esta novela e o mundo da literatura. Intentarei obviar as mensaxes en breverías (que non en greguerías) e dedicarei o ánimo e o esforzo a argumentar as miñas posicións literarias en xeral. Agradecería que do outro lado existisen as mesmas intencións. “Os blogs non arden”, “los blogs te arden muy mal”… ¿cal é o sentido real de tan ocurrentes construccións sintácticas?
Benvido Caneiro ó mundo “virtual”. Só dicirche que a estas alturas xa deberas saber que a ‘fauna’ deste xeito de expresión inclue (como na vida verdadeira) mais insectos que mamíferos.
Tentarei le-lo libro este verán ainda que non teño vacacions como outros anos; e facerche algún comentario se cadramos no entroido.
Veña, non sexas tecnolóxicamente tímido. Benvido á Blogosfera. Unha aperta.
Cando me falan de insectos sempre penso en Samsa. Mirándose ao espello unha mañá fría (e penso que todas as mañás de Samsa foron frías). E penso despois en Monterroso: y cuando despertó el dinosaurio todavía estaba allí. Os insectos teñen o seu hábitat. Aquí estamos para “comunicar”, simplemente, en torno a unha novela. Ou en torno ás novelas (digamos literatura) que esta novela pode estimular no seu autor, nos seus lectores. Son necesarios os insectos no ecosistema. Pero Bovary non é un ecosistema.
Polo demais, intentarei vencer a timidez. Páxina a páxina. Como un adolescente escoitando unha canción de Dylan: For the loser now… Will be later to win… For the times they are a-changin’.
Moitas grazas. Moitos abrazos.
Aínda teño a túa novela sen ler. De todolos xeitos, noraboa. Que todo marche ben, para ti e para a literatura.